Fotografías en serie
Que imos aprender nesta tarefa? Queremos aprender a facer fotografías a partir dun tema ou concepto específico.
Intentar aprender a facer boas fotografías nuns poucos días ou semanas é pouco realista. Imos escoller algúns temas específicos, aprender a detectalos e observalos no noso contorno, e no proceso aprender a fotografalos. Non é necesario ter unha gran cámara, as boas fotografías están no ollo do espectador e non na calidade do dispositivo. Evita o flash e intenta iluminar e buscar a luz con intelixencia.
Sombras: imos buscar e fotografar sombras e estas sombras deben ser protagonistas das nosas imaxes, poden ser as protagonistas soas ou modificar o significado do noso modelo.
Reflexos: imos buscar e fotografar reflexos, como no caso anterior, estes reflexos, o que agochan ou o que amosan, serán os protagonistas das nosas fotos. Os espellos, cristais, metais e auga serán os nosos aliados.
Ilusións ópticas: obxectos que se atopan en planos diferentes, pero que ao fotografalos móstranos unha realidade diferente, parecendo que están xuntos.
TAREFA
Vas crear un BOOK de fotos dos tres temas propostos: sombras, reflexos e ilusións ópticas.
PASOS
Para isto debes tomar 3 fotografías de cada tema (9 FOTOS EN TOTAL), pero ATENCIÓN cada unha das tres fotografías dun tema debe manter o mesmo estilo e estética entre elas, coma se formasen parte dunha serie. Déixoche varios exemplos de fotografías e series de fotografías dos temas propostos.
Unha vez realizadas as fotos, vas facer con elas tres colaxes para presentalas, unha por cada tema. Para facer as colaxes, podes instalar unha aplicación no móbil, ou se cadra o teu móbil xa ten unha instalada. Hai moitas apps para fotocolaxe, tanto para Android como para iOS. Ten que ser unha que permita escribir un texto sobre as fotos. Propóñoche Pic Collage, que ten versión tanto para Android como para iOS.
Engade un texto en cada unha das colaxes, co título (Sombras, Reflexos, ou Ilusións ópticas), e outro texto co teu nome.
ENTREGA
Unha vez feitas as colaxes, sube estas 3 colaxes á aula virtual, premendo no botón Engadir entrega.
Baseado nunha proposta de Vito Andradas e Victoria Miguel, do IES San Isidro de Azuqueca de Henares.
Comentarios