Finalidade das imaxes: de Gombrich á LOMLOE

FINALIDADE DAS IMAXES: DE GOMBRICH Á LOMLOE

 

Thomas Hawk, Joy. Licenza cc-by-nc.


As imaxes créanse para algo

As imaxes sempre se crean con algunha finalidade (obxectivo, intención, motivación). Na ESO, en EPVA, explicamos as diferentes finalidades e ensinamos ao alumnado a que as distinga.

 

De onde sae todo isto das finalidades das imaxes? 

O primeiro que atopei como máis probable foi que veña de extrapolar á linguaxe visual a teoría sobre a comunicación verbal de Roman Jakobson.

Jakobson formula o seu coñecidísimo modelo da teoría da comunicación, que tamén contamos, en varias materias e cursos, segundo o cal, o proceso de comunicación lingüística implica seis factores: contexto, emisor, mensaxe, receptor, código e canle. 

 


 

Este modelo permite establecer seis funcións esenciais da linguaxe. Cada unha destas funcións está directamente relacionada cun dos seis factores do modelo anterior.

As funcións da linguaxe son: emotiva, conativa, referencial, metalingüística, fática e poética.

1.- Función referencial (información contextual): Esta función céntrase no contido ou “contexto”, entendendo este último “no sentido de referente e non de situación”. Esta función atópase xeralmente en textos informativos, narrativos, etc. 

2.- Función estética/poética: Esta función céntrase na mensaxe. Aparece sempre que a expresión chama a atención sobre a súa forma, en calquera manifestación na que se utilice a linguaxe con fins estéticos.

3.- Función expresiva ou emotiva: Esta función está enfocada no emisor. Aparece naquelas mensaxes nas que predomina a subxectividade e, polo tanto, o falante expresa os seus sentimentos, emocións, estados de ánimo, etc.

4.- Función conativa (vocativa ou imperativa): Esta función está enfocada no receptor. O falante quere que o oínte actúe de acordo co que se lle pide mediante ordes, rogos, preguntas, etc. Pretenden influir na conducta do receptor.

5.- Función fática ou relacional: Esta función céntrase na canle e trata todos aqueles recursos que pretenden manter a interacción. A canle é o medio empregado para o contacto.

6.- Función metalingüística: Esta función emprégase cando o código se utiliza para referirse ao propio código. “A metalingua é a lingua coa que se fala.


 



Semella que a alguén se lle ocurriu que o que vale para as palabras, vale tamén para as imaxes. E intentaron facer unha taxonomía das finalidades das imaxes, que non sempre vai en paralelo, vendo a teoría orixinal e os exemplos que podemos atopar nos nosos libros de texto. A función comunicativa. Pero, acaso non terían todas as imaxes unha función comunicativa? Se estamos de acordo en que existe unha linguaxe das imaxes, a función de toda linguaxe é comunicar algo. Aínda que o emisor e o receptor sexan a mesma persoa, eu facendo uns garabatos, quero comunicarme ou transmitirme algo, cunha intención expresiva, por moi feos ou irrelevantes que sexan os meus trazos.

 


Entón, cales son as finalidades das imaxes?

Pois... depende. Non está nada, nada claro. No borrador do decreto do Ministerio para as ensinanzas da ESO (2021), na parte de EPVA aparece o das finalidades das imaxes. No apartado de Saberes básicos indícase:

«El lenguaje y la comunicación visual. Finalidades: informativa, comunicativa, expresiva y estética. Contextos y funciones.»

Éche o que hai. Por lei, hai esas catro funcións. Loxicamente, cada docente neste apartado fará e desfará oportunamente. Porque non se sabe moi ben a quen consultan para facer estas cousas.

É moi difícil atopar a fonte da que saen esas catro funcións. A busca en Google Scholar, polo momento, foi infructuosa. Non totalmente. Atopei un artigo de Gombrich («The Visual Image», 1972) que fala disto. Pero non se pode ver online, só a primeira páxina.

Aínda así, algo vin. Gombrich segue o modelo de Karl Bühler (1934). Para Bühler, hai tres funcións na comunicación verbal: función expresiva (Ausdrucksfunktion; referida a quen fala), función de representación (Darstellungsfunktion; facendo referencia a aquelo do que se fala), e función conativa, apelativa, de chamada ou atracción (Appellfunktion; refírese a quen escoita).

Gombrich proba a trasladar o modelo de Bühler á linguaxe visual. Isto que escribe é interesante:

Mirando a comunicación desde o punto de vista da linguaxe, debemos preguntarnos primeiro cales destas funcións pode realizar a imaxe visual. Veremos que a imaxe visual é suprema na súa capacidade de excitación [función conativa], que o seu uso con fins expresivos é problemático e que, sen axuda, carece por completo da posibilidade de coincidir coa función enunciativa [ou de declaración, de aserción] da linguaxe. (Gombrich, 1972)

O suliñado é meu. Por certo, parece que todo o rollo dos signos e os símbolos que contamos en EPVA tamén é «culpa» de Gombrich. O propio Gombrich sinalou: "todas as imaxes son signos, e a disciplina que debe investigalas non é a psicoloxía da percepción, como eu crera, senón a semiótica, a ciencia dos signos".

 

Placa pictórica no Pioneer

 

Tirando do fío de Gombrich, vexo que en realidade hai que buscar noutro texto seu: Art and Illusion, no que debe falar de todo isto. Woodfield fala deste libro e do uso que fai Gombrich do Organonmodell de Bühler:

Gombrich aplicou o modelo de Bühler á imaxe visual en Art and Illusion pero de forma non sistemática. Na primeira parte explorou as dimensións representacionais da imaxe utilizando as nocións de modelo relacional e a "Sinsemántica dos valores pictóricos na pintura". Na terceira parte explorou a dimensión apelativa (a parte do espectador) e na cuarta, a dimensión expresiva. Na segunda parte explorou os problemas suscitados orixinalmente por Heinrich Gomperz, xunto cunha exploración máis profunda dos problemas suscitados por Löwy. En contraste co volume de Bühler, todo foi feito de forma elocuente e cun uso abundante de imaxes; con todo, fixo un uso extensivo das súas ideas. (Woodfield, 2011)

 

Proposta para unha nova taxonomía das imaxes de acordo á súa finalidade

Atendendo ao modelo de Jakobson, eu propoño as seguintes finalidades das imaxes:

  • Estética: as obras de arte, toda creación visual cunha intención artística.
  • Expresiva: informa do estado de ánimo do emisor. «Unha imaxe dificilmente ten esta función» (Gombrich). Exemplos: selfies nas RRSS, emoticonas en Whatsapp.
  • Conativa ou imperativa (ás veces chamada exhortativa nos libros de texto): as imaxes publicitarias, os sinais de tráfico.

 

F. J. (2021) 


Referencias

- Bühler, Karl, Sprachtheorie: die Darstellungsfunktion der Sprache (Jena, 1934). 

- Roman Jakobson, «Closing Statement: Linguistics and Poetics», en Style in Language, ed. Thomas Sebeok (Cambridge, Mass., 1960), pp. 350-9.

- Richard Woodfield, «Ernst Gombrich: Iconology and the ‘linguistics of the image’», Journal of Art Historiography, 5. (2011). [online]



Actividade

  1. Busca catro imaxes, que se correspondan con cada unha das finalidades indicadas anteriormente. As imaxes teñen que ser de plantas ou flores, ou facer referencia ao mundo da botánica.
  2. Pega as imaxes nun documento de texto. Titúlao «Finalidade das imaxes» e pon debaixo o teu nome.
  3. Debaixo de cada imaxe indica a que finalidade corresponde e escribe un texto xustificativo da túa resposta.

Publicacións populares deste blog

Texturas táctiles, texturas visuais

Debuxando figuras imposibles

Combinando cores