Stop Motion
Que é o Stop Motion?
O Stop Motion é unha técnica de animación que consiste en aparentar o movemento de obxectos estáticos por medio dunha serie de fotografías sucesivas.
As animacións stop motion non son debuxos animados, nin tampouco son animacións por ordenador, senón que son animacións creadas tomando imaxes directamente da realidade. Consiste en ir movendo os obxectos, sacar unha foto, volver movelos un pouco, sacar outra foto, etc. É un proceso moi laborioso, xa que se necesitan como mínimo 10 ou 12 fotogramas para obter un segundo de película.
ACTIVIDADE
A vosa actividade consiste en gravar un vídeo coa técnica chamada Stop Motion. No vídeo aparecerán as letras que forman os nomes (sen apelidos) dos compoñentes do equipo, e algún outro elemento que lle aporte algo máis de acción.
- En equipos de 2 ou 3 persoas.
- Debuxade, coloreade e recortade letras para formar os vosos nomes.
- Engadide outros elementos ao set como unhas tesoiras, uns lapis, follas engurradas...
- Facede un storyboard cos seis ou sete fotogramas clave da vosa minipelícula.
- A gravar: mellor con luz artificial. Usade unha app como PicPac, por exemplo.
- Editar: cunha app de edición (Capcut, Youcut, InShot...) editade o vídeo, engadide os créditos e a banda sonora.
Velaquí un exemplo moi básico:
A duración mínima do vídeo será igual ao número de compoñentes multiplicado por 6, en segundos. Este tempo refírese á duración do Stop Motion, non se conta o que duren os títulos de crédito e outros engadidos.
PARA ENTREGAR A TAREFA
- Envía o vídeo á aula virtual. Se pesa máis de 10 MB, gárdao no teu Google Drive e comparte a ligazón no texto en liña. Chega con que o suba un dos compoñentes do grupo.
- No cadro de texto en liña, indica os nomes e apelidos dos compoñentes do equipo, e o título do teu vídeo.
- Para rematar, preme no botón Gardar os cambios.
Comentarios