Transformar obxectos cotiáns en arte

Cusano


Como remate do curso, imos facer unha actividade na que trataremos de explotar ao máximo a creatividade, mediante a imaxinación, o inxenio e o debuxo.

Pensaches algunha vez que os obxectos ou a comida que tes na casa poden formar parte dunha obra artística? Non? Pois isto é o que fan algúns ilustradores como Diego Cusano, Jesuso Ortiz ou Javier Pérez. Collen un obxecto normal e corriente, e transfórmano noutra cousa, mediante a súa incorporación a un debuxo.

Diego Cusano é un artista italiano que se denomina "Investigador de fantasía" e explora a liña entre imaxinación e realidade. Utilizando a súa creatividade, este artista é capaz de converter obxectos comúns en ilustracións inesperadas que permitan ver eses sinxelos elementos cotiáns desde unha nova perspectiva. «Comecei a ver as cousas desde un punto de vista diferente e desde este novo enfoque comecei a crear as ilustracións que, desde entón, publico cada día nas redes sociais», escribe Diego na súa páxina de Facebook.

A conta en Instagram de Diego Cusano: https://www.instagram.com/diego_cusano/

A conta en Instagram de Jesuso Ortiz: https://www.instagram.com/jesuso_ortiz/

A conta en Instagram de Javier Pérez: https://www.instagram.com/cintascotch/

TAREFA

A túa tarefa consiste en crear unha ilustración na que inclúas un obxecto da túa casa, transformándoo en algo novo, como fan os artistas que acabamos de comentar.

PASOS

1. Investiga nas contas de Instagram e neste taboleiro de Pinterest para inspirarte.

2. Elixe un obxecto da túa casa e pensa como o podes transformar noutra cousa mediante un debuxo. Na cociña é onde podes atopar máis e mellor variedade.

3. Colle unha lámina DIN A4, ou nun folio branco, coloca o teu obxecto sobre a lámina, e faille unha foto antes de debuxar nada.

4. Co obxecto colocado sobre o papel, fai o debuxo, con rotulador negro e/ou de cores. Tamén valen lapis de cores, ou ceras. Escribe o teu nome e apelidos debaixo do debuxo. Cando estea rematada, fai unha foto da túa obra.

ENTREGA

Envía as dúas fotos, subíndoas á aula virtual. No cadro de texto, explica brevemente en que consiste a túa ilustración.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Texturas táctiles, texturas visuais

Debuxando figuras imposibles

Combinando cores