Perspectiva isométrica
A perspectiva isométrica é unha forma de debuxar obxectos dándolles sensación de volume. Faise sobre tres eixes (X, Y e Z) que se debuxan formando 120° entre si.
Na imaxe da esquerda tes os eixes debuxados. Na dereita, tes debuxada a perspectiva isométrica dunha peza sinxela, con forma de L. Se lembras de Tecnoloxía as vistas dunha peza, estas chámanse alzado, perfil e planta. Na imaxe da peza en L, o alzado son as caras de cor amarela, o perfil é a cara cor ciano, e a planta son as caras de cor maxenta.
Recordemos:
- PLANTA é o que se ve dende arriba,
- PERFIL esquerdo é o que se ve dende a esquerda,
- ALZADO é o que se ve de frente, mirando na dirección da frecha.
TAREFA
A tarefa consiste en debuxar nunha lámina catro pezas en perspectiva isométrica.
PASOS
1. Vai á paxina web http://www.educacionplastica.net/zirkel/pieza_iso3_00.html. Nesa páxina hai 12 pezas para debuxar na propia páxina. Podes mirar estes vídeos explicando como se fan as dúas primeiras: vídeo da peza n.º 1 e vídeo da peza n.º 2. Unha vez vexas os vídeos, podes practicar ti na propia páxina con outras pezas.
2. Prepara unha lámina con catro grellas isométricas, como as deste modelo. Debuxa tamén as marxes e o recadro cos teus datos. Fai as grellas con lapis duro (2H). Se non o tes, fainas con outro lapis, pero non marques moito as liñas, son só unhas guías de referencia. As grellas fanse sobre hexágonos regulares de 30 mm de lado. Se non tes claro como se fan, mira este vídeo en YouTube no que explico paso a paso como se debuxa a grella.
3. Na web indicada elixe 4 pezas (da número 3 á 12) e fai as perspectivas na lámina, axudándote das grellas. Importante: indica ao lado de cada unha o número de peza. Enche os triángulos con tres cores distintas (tres azuis, ou tres verdes, por exemplo). Unha cor para o perfil, outra para o alzado, e outra para a planta.
Se non che sae algunha das pezas, ou non che sae ningunha, como alternativa podes debuxar na lámina pezas en perspectiva isométrica inventadas por ti. A nota non será a mesma, pero tamén conta. Nese caso, nas pezas inventadas, no número de peza, pon a letra X. Ou tamén podes representar as pezas que fago eu nos vídeos. Pero puntúan menos.
Lembra que, en todos os casos, debes facer as grellas isométricas e representar as pezas enchendo con 3 cores diferentes os triángulos, para obter sensación de volume.
ENTREGA
Escanea a lámina co móbil e súbea á aula virtual, premendo no botón Engadir entrega.
Comentarios