Fotografía: encadramentos e angulacións

 

Claudio Marinangeli, OKIMG_2125
 

En que consiste a tarefa?

O teu traballo consistirá, primeiro, en investigar. Logo, terás que facer fotografías e elaborar unhas composicións con elas, en forma de colaxes, atendendo a determinados parámetros técnicos. Non é preciso ter cámara de fotos, podes utilizar o teu móbil.


Investigamos

Iniciaremos a actividade investigando que tipos de encadramentos e de angulacións existen.

Consulta os contidos das ligazóns seguintes:

  • O encadramento: explícanse dez tipos de encadramentos.
  • A angulación ou ángulo visual.
  • Na web de Olloboi explican os encadramentos (ou tipos de plano) e as angulacións. (non é necesario ver o vídeo, chega con ler os contidos e mirar os gráficos)

Aínda que as webs ligadas van sobre cinema, e a nosa tarefa vai sobre fotografía, sírvennos igual, xa que os tipos de planos que se usan no cinema chámanse igual que en fotografía ou no cómic.

Tarefa, primeira parte: realizar as fotografías

Colle un boneco ou algún outro xoguete que teñas pola casa, e faille unhas fotos co móbil, coas seguintes características:

  • Fai varias fotos empregando distintos encadramentos ou tipos de plano. Ao menos, tes que usar catro encadramentos. Por exemplo: un plano detalle, un primeiro plano, un plano medio, un plano americano, ou un plano xeral...
  • Emprega, ao menos tres angulacións distintas. Por exemplo: zenital, contrapicado, normal ou frontal, ou picado.

En todas as fotos debe aparecer o mesmo boneco ou xoguete.

Elixe ben o fondo, mellor un fondo neutro, como unha parede. Intenta evitar que se vexan mobles, portas ou ventás. Coida a iluminación: procura facer as fotos de día, con luz natural, cerca dunha ventá.

Tarefa, segunda parte: facer as colaxes coas fotos

Unha vez realizadas as fotos, vas facer con elas dúas colaxes para presentalas. Para facer as colaxes, podes instalar unha aplicación no móbil, ou se cadra o teu móbil xa ten unha instalada. Hai moitas apps para fotocolaxe, tanto para Android como para iOS. Ten que ser unha que permita escribir un texto sobre as fotos. Eu utilicei Pic Collage, que ten versión tanto para Android como para iOS.

  1. Nunha colaxe tes que inserir catro ou cinco fotos con distintos encadramentos. Ademáis, engadir un texto que diga «Encadramentos».
  2. Noutra colaxe tes que inserir catro ou cinco fotos con tres angulacións distintas. Ademáis, engadir un texto que diga «Angulacións».

Déixoche dúas imaxes de exemplo para que vexas como ten que ser o resultado final: imaxe1 e imaxe2.

colaxe1colaxe2

Cando teñas as colaxes rematadas, o mellor é que as gardes no teu Google Drive, para logo compartilas, ou tamén poder abrilas nun ordenador.

Entrega

O produto final que debes entregar son as dúas colaxes. 


Ligazóns



Publicacións populares deste blog

Texturas táctiles, texturas visuais

A cor (presentación)

Combinando cores